As empresas de ocio barbancesas apostan por sacarlle partido turístico a Sálvora
Pretenden conseguir as autorizacións oportunas para organizar viaxes en barco e visitas guiadas
- Autor:
- M. X. Blanco
- Fecha de publicación:
- 30/3/2008
Que a ría que baña as costas de Barbanza ten un valor incalculable a nivel turístico é algo que a día de hoxe se lle escapa a poucos e que, neste eido, a franxa de auga está aínda sen explotar tamén é unha afirmación retórica. Hai tempo xa que a mancomunidade e un grupo de empresarios vinculados ao sector do ocio decidiron poñer en marcha iniciativas para cambiar esta última realidade. A nova idea á que xa empezaron a darlle voltas pasa por sacarlle rendemento á Sálvora, aproveitando que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Aínda que a iniciativa está por madurar, do que se trata é de que os negocios que contan con embarcacións oferten excursións a este recuncho da ría de Arousa. Conseguir este obxectivo non é doado, posto que a día de hoxe é preciso realizar unha serie de trámites para lograr as autorizacións pertinentes. É máis, o número máximo de visitantes por día está limitado a 125 persoas.
De momento, a cifra de excursionistas que recibe este illote é moi pequena. A maior parte das empresas que solicitan os permisos para realizar visitas de carácter turístico a Sálvora son do Grove.
Tanto a mancomunidade como os empresarios do sector do ocio de Barbanza confían en que esta situación cambie a curto prazo. Para conseguilo, avogan por crear liñas estratéxicas, dándolle prioridade ao traballo dos negocios da comarca.
A idea é que se aproveiten do potencial que ofrece esta illa tanto as empresas que se dedican a realizar percorridos turísticos pola ría como os negocios vinculados á organización de actividades culturais. Neste sentido, cabe destacar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas organiza, una vez ao ano, un curso para formar a guías que se dediquen a explicar as excelencias da zona.
Apoio total do sector
O persoal de Arousa Norte tratou este tema fai uns días con representantes do sector do ocio adheridos ao colectivo Aetan e todos amosaron o seu apoio a posta en marcha de iniciativas que permitan sacarlle partido a Sálvora. A xerencia da mancomunidade insistiu na necesidade de elaborar unha proposta conxunta dos empresarios expoñendo os obxectivos que se perseguen e as liñas de traballo que se empregarán, co fin de asegurar que os negocios de Barbanza teñan preferencia á hora de explotar esta illa.
A intención é que nesta proposta se aposte firmemente pola calidade nos servizos turísticos, pola posta en valor dos importantes recursos que ten Sálvora, pola sensibilización e a preservación do medio e pola difusión da cultura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario